CRTVG

Buscar

A madeira, un sector destacado que busca incrementar as exportacións

Publicado o 18/02/2020 20:13

O Goberno galego destina fondos propios e europeos tanto a axudas para a adquisición de maquinaria forestal como para os labores de serradoiro ou corta en bruto. Concretamente van ser 10,4 millóns de euros para que as empresas forestais poidan dotarse de novos equipamentos e outros 2 millóns para desenvolvemento de tarefas de corta. Ademais, estase a constituír un grupo de traballo entre o sector forestal galego e o IGAPE para deseñar unha estratexia que permita incrementar as exportacións de madeira de Galicia cara a Europa.

10 millóns de metros cúbicos ao ano converten Galicia no principal produtor de madeira do Estado, con máis do 60% do total. 80.000 persoas traballan de xeito directo no sector forestal galego. Porén, as cifras aínda se poderían mellorar ampliando as exportacións de madeira cara a Europa. O obxectivo é diferenciar a produción galega e incrementar o uso de novas tecnoloxías.

"Impulsar proxectos para a modernización tecnolóxica e a innovación. E polo tanto desenvolver tamén proxectos vencellados con outros sectores para que a utilización da madeira sexa transversal na nosa economía."

Dende o sector lembran que todas as especies que medran no monte galego son aproveitables e, por tanto, deben convivir.

"O eucalipto é tractor no sector forestal porque tira doutras especies. Pero hai monte suficiente para todo. Para o eucalipto, para as frondosas e para o piñeiro. Hai que convivir."

O crecente uso de madeira na construción de edificios públicos debe servir para fortalecer un sector que busca tamén mecanismos para reducir a sinistralidade laboral.

Noticias web

18/02/2020