CRTVG

Buscar

A prezo da luz baixa un 36 % e sitúase en niveis do mes de agosto

Publicado o 03/10/2021 09:59
A prezo da luz baixa un 36 % e sitúase en niveis do mes de agosto

O prezo da electricidade no mercado almacenista (pool) situouse este domingo en 111,60 euros o megawatt hora (MWh), o que supón un descenso próximo ao 36 % respecto ao prezo fixado para este sábado, no que será o valor máis baixo rexistrado desde finais de agosto.

Con este novo descenso a luz encadea dous días á baixa, e este domingo, un día no que diminúe a actividade económica e a demanda enerxética é menor, marcará o prezo máis baixo desde o 29 de agosto, cando a electricidade se pagaba a 102,03 euros o MWh.

Ademais, o prezo de hoxe é case un 50 % máis barato respecto ao récord rexistrado o venres pasado (216,01 euros/MWh) e un 30 % menor que o domingo pasado.

Con todo, o prezo de hoxe é oito veces superior ao importe que se pagou no pool durante o primeiro domingo de outubro do ano pasado (14,40 euros). Porén, sitúase por baixo dos 156,15 euros o MWh con que pechou de media setembro, o mes máis caro desde que existen rexistros, e dos case 106 euros o MWh de agosto, o segundo mes co prezo máis elevado.

Os prezos do mercado almacenista repercuten directamente na tarifa regulada, á que están acollidas case 11 millóns de familias en España, e serve de referencia para os outros 17 millóns que contratan a súa subministración no mercado libre.

Franxas horarias

Por franxas horarias, o prezo máximo para hoxe rexistrarase entre as 22:00 e as 23:00 horas con 210,98 euros o MWh, mentres que o mínimo será de 15 euros o MWh entre as 6:00 e as 7:00.

A escalada de prezos que afecta gran parte de Europa débese, entre outros factores, ao encarecemento do gas nos mercados internacionais, que se emprega nas centrais de ciclo combinado e que marcan o prezo do mercado na maioría das horas. Tamén ao aumento do prezo dos dereitos de emisión de dióxido de carbono (CO2).