CRTVG

Buscar

O prezo da luz marca hoxe o segundo máximo do ano

Publicado o 15/06/2021 08:46

• É o custo o máis alto da electricidade desde o temporal Filomena

• Cando máis se pagará hoxe será entre as oito e as nove do serán

• "O Goberno fai nada para que baixe a factura", asegura o PP

Case 91 euros por megawatt hora. O de hoxe será o prezo medio diario máis caro de todo o mes de xuño. Desde xaneiro non subira tanto. En pleno temporal Filomena alcanzáranse os 94,95 euros, o segundo prezo máis caro da historia. Os expertos vinculan este novo incremento ao aumento dos dereitos de dióxido de carbono e gas, que duplicaron o valor que tiñan hai un ano, pero tamén á onda de calor.

Nos primeiros quince días deste mes o recibo da luz xa se disparou máis dun 45% respecto ao ano pasado: 28 euros máis. Os cálculos son de Facua. E cren que neste encarecemento inflúen tamén os novos tramos horarios.

Entre os consumidores hai resignación e enfado. E moitos dubidan se pasar ao mercado libre e buscar un prezo fixo. Pero os expertos son claros. Desaconséllano. Din que as eléctricas, a medio prazo, nunca perden cartos con esas ofertas.

Por tramos horarios, cando máis se pagará hoxe será entre as oito e as nove do serán, cun prezo de 25,57 céntimos por quilovatio hora, uns cens euros por megawatt. Aféctalles a uns dez millóns e medio de consumidores que teñen tarifa regulada. Están exentos desta suba os consumidores que están no mercado libre. Este incremento coincide ademais no mes en que entrou en vigor a nova estrutura de tramos horarios, á que negocios coma por exemplo os salóns de peiteado non poden acollerse para abaratar os prezos. 

A ministra de Industria Reyes Maroto pide paciencia. Di que se van tardar en ver os efectos das medidas do Goberno para abaratar a luz, unha reforma moito máis profunda, dixo, que a regulación horaria das tarifas, con distintas regulacións no mercado eléctrico. A ministra explicou que o seu impacto sobre a factura se irá notando a medida que se incorporen.

Noticias web

15/06/2021