A luz prosegue este mércores a súa escalada, co terceiro prezo máis alto da historia
Entre as 8 e as 9 desta noite, a luz alcanzou o segundo prezo máis alto do ano. Pero mañá será aínda máis cara. A electricidade segue subindo; mañá alcanzará o terceiro prezo máis caro da súa historia ao situarse por riba dos 94 euros por megawatt/hora. Só estará superado polo que se alcanzou a principios de ano durante o temporal Filomena e polo máximo histórico de xaneiro de 2002. O mercado eléctrico tocará mañá máximos de 105,5 euros por MW/h entre as 21:00 e as 22:00 horas, mentres que o mínimo será de 82,5 euros por MW/h de 16:00 a 17:00 horas.
Con esta escalada de prezos da luz no que levamos de xuño, o recibo deste mes é un 45 % máis caro que o do ano pasado.
Hai que recordar que estes prezos só afectan os consumidores acollidos á tarifa regulada, que son uns dez millóns. Aos que están no mercado libre non lles afecta porque teñen un prezo pactado coa súa compañía. Malia estas subas, os expertos e as asociacións de consumidores din que é máis económico estar no mercado regulado.
Ante esta situación, o Partido Popular inicia unha ofensiva parlamentaria con mocións nos concellos e nas deputacións para esixirlle ao Goberno que actúe. A voceira popular no Congreso Cuca Gamarra di que o Goberno podería forzar unha baixada da luz polo menos do dez por cento.