CRTVG

Buscar

A lonxa da Coruña impón a poxa telefónica para evitar aglomeracións

Publicado o 24/03/2020 20:42

A lonxa da Coruña é a primeira de España en adoptar unha medida tan restritiva. Dende este martes as poxas de baixura non son presenciais. As peixeiras quedan fóra e mercan por teléfono cun prezo taxado. Despois, a partir das 6 da mañá, van entrando en pequenos grupos a recoller a mercadoría. Todo para evitar aglomeracións.

"O acceso íano facendo de 20 en 20 persoas e foi un pouco caótico. Dende as 4 da mañá facendo cola para entrar ás seis. Non sei canto tempo seguirán así".


"Estivemos fóra e ía frío, e o que chega de último xa non atopa nada".


"Estamos afeitos á poxa e agora é a prezo pechado e non sabemos o que compramos ata que o vemos na praza".


"Non é o mesmo comprar o peixe que ves que comprar o que che ofrecen nunha foto do teléfono".

Na praza hai moito descontento. Pero o peixe non escasea. Precisamente, o obxectivo da medida é garantir a seguridade na lonxa para poder seguir funcionando sen problemas.

"Ao final temos peixe fresco igual. Os vendedores saben o peixe que queremos e estannos coidando ben".


"De momento hai abastecemento, hai bastantes barcos no mar, pero están falando de amarrar bastantes barcos, a ver que pasa".

O sector de baixura é partidario do amarre. En Ribeira, este martes quedaron en terra a metade dos barcos. E os mariscadores deixaron de traballar xa a semana pasada. Din que faltan compradores e que nos barcos é difícil gardar as distancias de seguridade. Tamén se queixan da caída dos prezos na lonxa.

Xosé Antonio Pérez, patrón maior de Ribeira e presidente da Federación Galega de Confrarías,  dixo que estiveran tirando produto ao mar. "O marisco aínda pode vivir pero hai outros produtos que non. Tiramos peixe porque non o queren a ningún prezo porque non teñen a quen venderllo", engadiu Xosé Antonio Pérez.

Porén, dende a lonxa da Coruña descartan o amarre da frota. Din que seguirán traballando aínda que teñan que aplicar medidas de seguridade máis restritivas nos próximos días.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/03/2020