CRTVG

Buscar

Os peregrinos quéixanse da falta de limpeza no Camiño de Santiago

Publicado o 27/08/2019 13:20

O Camiño de Santiago é moi demandado por persoas de todo o mundo, e como consecuencia, son moitos os que se deciden a poñer as botas, coller a mochila e buscar unha ruta para chegar á capital galega. Así, o Camiño ten unha afluencia de xente considerable, pero, a pesar da cantidade de xente que se atopa, están estes comprometidos coa limpeza e coa boa conservación do Camiño?

"En zonas máis agochadas vense botellas, panos, plásticos... Coa paisaxe queda un pouco feo, pero é verdade que en xeral está moi limpo para a xente que pasamos diariamente polos tramos. Pero hai certas zonas que non, que poderiamos ser bastante máis limpos. Por exemplo, a cervexa, a Coca Cola... cargala cando a rematas e na primeira papeleira tirala", conta un peregrino.

"O Camiño está bastante limpo. Pero eu vivo cerca do Camiño portugués e está máis sucio ca este", di un peregrino galego.

"Eu creo que a xente que está facendo o Camiño é bastante consciente de que hai que manter o Camiño limpo. Pois a verdade é que ver o Camiño sucio non é o mesmo. Entón, se ti queres volver tes tamén que dar exemplo e non tirar cousas", asegura unha peregrina.

A maioría dos peregrinos di que garda o seu lixo ata atopar unha papeleira, as que escasean na maioría dos tramos do Camiño, ao igual que os baños. A pesar disto, a conservación do Camiño é aceptable, tendo en conta que centos de persoas pasan a diario polas rutas marcadas.

"Algúns albergues ao mellor están algo máis descoidados ca outros", di outro peregrino.

"No último chegando ao Pedrouzo si que puxeron papeleiras, e están moi bonitas porque as puxeron tapadas con listóns de madeira, así os contedores están camuflados e está bastante ben", conta outro peregrino.

"O que si é verdade é que nos pareceu algo estraño que nos cobraran 2€ por ir ao baño. Debería ser algo máis económico o de poder ir ao baño no Camiño. É verdade que nos tramos atopas papeis da xente de ir ao baño, pero claro, non atopas baños e aínda encima cóbranche por ir, pois moita xente prefire ir ao campo", engade a peregrina. 

Así que, para gozar do Camiño, non esquezan que mantelo limpo é moi importante.

Noticias web

27/08/2019