CRTVG

Buscar

A limitación de ocupación nos albergues anima os peregrinos a facer reservas previas

Publicado o 31/08/2021 15:20

Este verán foi especialmente complicado asegurarse unha cama nos albergues do Camiño, sobre todo nos públicos coma este de Neda, onde non é posible facer reserva previa.

"Ata a semana pasada cun 33 % de ocupación, tiñamos dez camas dispoñibles e houbo días difíciles para os peregrinos", di Victoria Fornos, técnica de Turismo de Neda e encargada do albergue municipal.

Agora aquí xa non resulta tan difícil pillar cama porque xa están co 50 % da capacidade dispoñible e tamén a trasfega de peregrinos baixou un pouco con respecto ás semanas previas. Pero aínda así, moitos camiñantes prefiren asegurar a pernoita e xa se deciden de antemán polos albergues privados.

"Estivéronnos informando que estivera moi saturado e que non había albergues públicos e xa temos reservado", din unhas peregrinas canarias.

"De quitado este, imos con todo reservado, si", di unha parella vasca.

"Eu tamén noto que hai moita xente que ven selar a credencial e xa ten unha reserva, co cal tamén camiña máis tranquilo", confirma a encargada do albergue de Neda.

"E tamén nos demos de conta de que é unha maneira de apoiar os albergues privados, non?", remarcan os camiñantes vascos.

Sanidade e os responsables dos albergues teñen previsto seguir ampliando a capacidade dos establecementos tanto públicos coma privados conforme vaia mellorando a situación epidemiolóxica.

Noticias web

31/08/2021