CRTVG

Buscar

Calendario da Segunda B: Deportivo-Salamanca e Rácing-Pontevedra, partidos destacados da primeira xornada

Publicado o 15/09/2020 16:12

En pouco máis dun mes empeza unha Segunda B distinta. Cun formato novo, nun ano incerto e coa insólita presenza do Deportivo entre os seis equipos galegos.

A primeira xornada xa ten un derbi, o Rácing-Pontevedra na Malata. O Celta B vai a Guijuelo, o Coruxo recibe ao Zamora e o Deportivo comeza en Riazor contra o Salamanca. Ademais, o Compostela estréase tralo ascenso contra o Unionistas. E na segunda xornada debuta na casa contra o Deportivo, nun derbi de dous históricos que se rencontran nesta categoría de bronce. 

Antonio Quinteiro, Presidente do Compostela: "Vai volver a ser un momento histórico, oxalá esteamos co maior número posible de afeccionados no campo".

Vai depender das autoridades sanitarias que poidan entrar mil ou máis espectadores no estadio Verónica Boquete a finais de outubro. E tamén no resto de campos galegos. A nova Segunda B consiste nunha liga regular de dezaoito xornadas que finaliza en marzo. Os seis primeiros xogan entón outra liguiña contra os mellores do subgrupo astur-leonés. E de aí saen tres equipos que xogarán o playoff para ascender a Segunda. Aí quere estar tamén o Compostela.

Antonio Quinteiro: " O obxectivo do Compostela volve ser o ascenso. É un formato atractivo para o afeccionado galego".

O derbi con máis morbo terá lugar na penúltima xornada, a mediados de marzo, cando o Deportivo visite o Celta B. Pode darse a curiosa circunstancia de que os afeccionados se citen en Barreiro mentres que Balaídos permanece coa porta pechada.

Noticias web

15/09/2020