CRTVG

Buscar

A Liga ACT fixa un calendario condicionado á evolución da pandemia do coronavirus

Publicado o 04/04/2020 20:20

A pandemia do coronavirus tamén afecta a Liga Euskolabel de traiñeiras. A asemblea reuniuse telematicamente e decidiron fixar un calendario condicionado á evolución da crise sanitaria. Se todo vai ben, a competición comezará o 28 de xuño pero sempre e cando antes tiveran mínimo quince días de adestramentos no mar.

"O obxectivo principal é ofrecerlle aos remeiros que se están adestrando en condicións moi precarias unha competición á altura do esforzo que están a facer", explicou Beatriz Gelpi, a secretaria do Club de Remo Ares.

A intención é manter o calendario de 19 regatas pero, se non fose posible, decidiron que habería que disputar un mínimo de doce máis o play-off para que a temporada se considere válida.

"Se a competición se levase a cabo e, mantendo esa premisa de doce regatas máis o play-off e comezar sempre con quince días de adestramentos libres antes da competición, nunca se podería alongar máis do 30 de setembro", salientou o presidente do Club de Remo Cabo da Cruz Daniel Vázquez.

Ares e Cabo da Cruz son os representantes galegos na Liga Euskolabel. Se todo vai segundo o previsto, a Bandeira Cidade da Coruña celebrarase a primeira fin de semana de xullo e a liga volverá a Galicia a derradeira fin de semana de agosto coas Bandeiras Concello de Ares e de Boiro.

Noticias web

04/04/2020