CRTVG

Buscar

A liberdade de horarios para saír á rúa beneficia en Galicia case 1.500 parroquias

Publicado o 08/05/2020 18:07

• Os alcaldes poderán levantar ou manter as restricións

Os veciños dun total de 1.428 parroquias das catro provincias galegas poden saír á rúa a dar paseos e practicar actividade física sen aterse ás franxas horarias por idades que imperan para núcleos de máis de 5.000 habitantes.

Tras o cambio de criterio na aplicación da norma por parte da Delegación do Goberno (que cinguía as restricións ao termo municipal), a Xunta elaborou a lista de localidades que se benefician da liberdade horaria aplicando como criterio delimitador a parroquia. 

• Consulta aquí a lista de parroquias remitida pola Xunta

En total, trátase de 1.428 núcleos onde, a partir deste venres, non hai franxas horarias para saír á rúa, aínda que continúan imperando o resto de normas.

A Xunta trasladou a relación destas parroquias á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que horas antes demandara claridade sobre os criterios para a aplicación da norma.

Os gobernos locais poderán levantar ou manter restricións segundo consideren que unha parroquia cumpre ou non os requisitos

O Executivo autonómico sinala que, a pesar da publicación desta lista, os alcaldes poderán manter as restricións en parroquias de menos de 5.000 habitantes "que non garden unha mínima separación cos centros urbanos, ao ser absorbido na práctica pola expansión urbanística".

Así mesmo, os gobernos locais tamén poderán dedicir o levantamento das franxas horarias en núcleos que, aínda que pertenzan a parroquias de máis de 5.000 habitantes, presentan unha separación suficiente respecto ao resto da poboación. O Executivo autonómico resalta que os alcaldes e alcaldesas son quen "mellor coñecen" os seus territorios e, por tanto, quen poden aplicar as decisións con maior eficiencia.