A letra pequena das propostas do Sergas na Atención Primaria
Tras escoitar profesionais do sector sanitario, asociacións de pacientes e a cidadanía, o Sergas elaborou o seu borrador do novo modelo de Atención Primaria.
Entre as medidas que quere desenvolver a curto prazo, nun período máximo de 6 meses, Sanidade salienta o incremento do número de prazas na Oferta Pública de Emprego deste ano para as categorías de médicos de familia, pediatría, enfermería de familia, fisioterapeutas e odontólogos.
Tamén fala de crear unha dirección de Atención Primaria en cada área sanitaria, unha das principais peticións dos médicos. Esta dirección encargarase da coordinación e supervisión de todos os recursos asistenciais.
Ademais, inclúe outra das demandas dos médicos: o orzamento específico e diferenciado para Atención Primaria, aínda que non determina a contía dos fondos.
O borrador recolle o obxectivo de desburocratizar a actividade médica para darlles máis tempo por paciente. Prevé que o persoal de enfermería poida asumir máis tarefas, como filtrar os pacientes sen cita ou pedir probas.
O texto establece a mellora da asistencia domiciliaria, a contratación progresiva de persoal de enfermería especializado e que os pacientes crónicos con varias patoloxías sexan estudados por un equipo multidisciplinar.
Sanidade lembra que isto é un borrador, non o final do percorrido, e que permitirá aos participantes facer algunha achega adicional ao documento.