A lei húngara de homosexualidade desata unha nova crise coa UE

A polémica lei que prohibe en Hungría falar a menores sobre homosexualidade desatou novas tensións entre o país e a Unión Europea.
"Esta lei claramente discrimina persoas en base á súa orientación sexual. Vai contra todos os valores fundamentais da Unión Europea", dixo en Bruxelas a presidenta da Comisión Europea, Von der Leyen, sobre a norma.
A xefa do Executivo comunitario encargou o envío dunha carta ás autoridades húngaras para expresar as "preocupacións legais" que xera esta normativa antes de que entre en vigor. Arestora, está pendente da sinatura do presidente do país, János Áder.
A través dun comunicado, o Goberno húngaro asegurou que as críticas de Von der Leyen son unha "vergoña, xa que están baseadas en alegacións falsas".
A nova lei "protexe os dereitos dos menores, garante os dereitos dos pais e non afecta os dereitos de orientación sexual daqueles que teñen máis de 18 anos, polo que non contén ningún elemento discriminatorio", sinala a nota oficial.
Ademais, o Goberno do primeiro ministro ultranacionalista Viktor Orbán acusa a presidenta da Comisión de emitir "unha opinión política nesgada sen realizaren antes unha investigación independente".
Preocupación e protestas
Quince países da UE, entre eles, Alemaña, Francia, Italia e España, expresaron nunha declaración conxunta a súa "grave preocupación" pola normativa e pediron á Comisión que use "todas as ferramentas" para garantir o respecto dos dereitos da cidadanía.
Os quince aseguran ademais que a lei viola o dereito á liberdade de expresión co pretexto de protexer a menores.
A semana pasada milleiros de persoas protestaron contra a lei no centro de Budapest e, ata o momento, máis de 130.000 húngaros asinaron unha petición pedindo que se anule.
A oposición progresista, colectivos de defensa dos dereitos LGTBI e os poucos medios de comunicación non controlados polo Goberno cualifican a lei de homófoba ao vincular a homosexualidade coa pedofilia.