CRTVG

Buscar

A lava volcánica xa cubriu 900 hectáreas da Palma e destruíu 2.146 edificacións

Publicado o 24/10/2021 20:40

A lava expulsada polo volcán xa cubriu máis de novecentas hectáreas da illa da Palma e arrasou máis de mil vivendas. As catro bocas principais alimentan once coadas, a última delas localizada esta mañá no sur do cono volcánico.

Algunhas das coadas ameazan de xeito directo varios barrios da zona, desaloxados desde o mércores pasado. A gran cantidade de cinza está facendo máis lento o avance da lava en La Laguna e noutros lugares, ata o punto de que moitos veciños tratan de acceder ás súas vivendas ou leiras.

Nesta fin de semana seguen rexistrándose moitos tremores, algúns deles perceptibles en toda a illa da Palma. Os expertos din que os sismos se producen a profundidades cada vez menores, entre os dez e os quince quilómetros, o que lles da pé para pensar que o final da erupción podería estar máis próximo.

A calidade do aire é aceptable, e a evolución do vento prevista permitirá o normal funcionamento dos aeroportos canarios. O prognóstico meteorolóxico indica chuvias escasas, que poderían complicar a situación en zonas ou edificacións con moita cinza acumulada.

Noticias web

24/10/2021