CRTVG

Buscar

A lava segue arrasando vivendas e empresas no Val de Aridane, na illa da Palma

Publicado o 12/10/2021 14:21

O volcán do Cumbre Vieja leva 24 días de erupción, os mesmos xa có Teneguía en 1971. Nestes momentos está nunha fase moi efusiva e eruptiva.

Por primeira vez, logrouse captar un raio volcánico sobre o cono principal, habitual nas erupcións pola fricción entre as cinsas e o material que expulsa o volcán.

A lava está arrasando o polígono industrial dos Llanos, onde sepultou unha vintena de naves industriais, entre eles unha fábrica de cemento e un punto limpo. Con todo, a calidade do aire hoxe mellorou e os veciños dos Llanos e o Paso xa poden saír da casa. Sigue aprazado o regreso ás clases.

Especialmente preocupa a coada norte, que avanza máis rápido, xa está a poucos metros do mar. Xa van 595 hectáreas engulidas pola lava e 1.281 edificios afectados. En calquera caso, as distintas coadas avanzan polas zonas de exclusión.

Os veciños das Manchas, evacuados hai tres semanas, puideron volver ás súas casas. Uns limpar os tellados e alimentar animais...outros recoller os plátanos afectados pola lava.

Tamén continúa habendo moita actividade sísmica. Nas últimas horas rexistrábase unha vintena de terremotos, un deles de 4,1 e a 13 quilómetros de profundidade.

O aeroporto da Palma está operativo, pero houbo once cancelacións e atrasos. O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, volverá mañá á illa para anunciar as novas axudas aos afectados.
 

Noticias web

12/10/2021