CRTVG

Buscar

A lava non para de engulir vivendas na Palma e deixa sen auga as zonas de plataneiros

Publicado o 03/10/2021 14:30

Dúas semanas despois da erupción, os veciños afectados ven lonxe recuperar a normalidade. "Fatal, escóitanse os ruídos que fai e asusta. Ponse unha dos nervios", lamenta unha veciña.

O impacto anímico obrigou a reforzar os servizos de saúde pública. "Fudamentalmente por crises de ansiedade, porque non é fácil perder todo o que coñeciches como a túa vida", explica a xerente dos servizos sanitarios.

Porque as perdas non deixan de aumentar. Xa son preto de 950 as edificacións engulidas pola lava, a maioría vivendas. Ademais, os danos nas redes de rega teñen en perigo a zona de plataneiros máis produtiva da illa. 

"Estamos falando aproximadamente de vinte millóns de quilos anuais, que son vinte millóns de euros que deixarán de entrar no val", calcula a presidenta da Comunidade de Regantes Las Hoyas-El Riego.

"Se non hai plátanos, a exportación para; paran os empaquetadores, os transportistas, a venda de fertilizante... é unha cadea. Se non hai diñeiro do sector agrícola, o comercio tampouco flúe. Hoxe transmitireillo ao presidente Sánchez porque estamos falando dunha situación de verdadeira agonía", puntualiza a alcaldesa de Los Llanos.

Como solución de urxencia van trasladar un buque cisterna desde a península e instalar dúas plantas desalgadoras portátiles. A cuestión é se todo estará operativo a tempo para que non se estraguen as árbores.

Noticias web

03/10/2021