CRTVG

Buscar

A lava minora o seu avance tras entrar no barrio de La Laguna, xa evacuado

Publicado o 14/10/2021 18:11
EFE

Os dous brazos da coada máis activa nestes momentos do volcán da Palma retardaron o seu avance tras penetrar no barrio de La Laguna, en Los Llanos de Aridane, xa evacuado ao completo, levar por diante un supermercado e atravesar o campo de fútbol.

O director técnico do Plan de Emerxencias Volcánicas de Canarias (Pevolca) Miguel Ángel Morcuende explicou que o avance desta coada nas últimas horas levou á evacuación preventiva das persoas que aínda non foran desaloxadas, que segundo o censo son unhas 400. O 12 de outubro foran evacuadas outras 800.

Morcuende detallou que os dous apéndices desta nova coada, situada por encima da primixenia, tiveron onte á noite "alta intensidade e bastante percorrido", pero ao atoparse no seu camiño cun supermercado e cun campo de fútbol perderon "forza" e capacidade para seguir avanzando. A que sepultou o supermercado de La Laguna "englobou moito material procedente de edificacións", perdeu moita fluidez e gañou en viscosidade. "Segue ben alimentada desde atrás, pero cústalle máis moverse", dixo Morcuende. Á outra, situada máis ao norte, está a pasarlle "exactamente o mesmo", subliñou Morcuende.

A sismicidade continúa localizada lixeiramente máis ao sur do enxame inicial previo á erupción, cun número de sismos algo menor pero con magnitude algo máis elevada, a máxima de 4,5, un terremoto situado a gran profundidade e sentido en toda a illa. As emisións de dióxido de xofre no volcán seguen altas, con valores de 15.995 toneladas diarias, e a altura da columna de cinzas e gases chega aos 2.600 metros.

A calidade do aire nas últimas horas mantense boa ou razoablemente boa, con algunhas medicións puntuais máis elevadas de dióxido de xofre ou partículas que seguen aconsellando usar máscaras no val de Aridane, pero por primeira vez neste episodio rexistrouse unha medición elevada no centro de investigacion atmosferica de Izaña, en Tenerife.

 A partir do venres espérase unha chegada de aire sahariano que non afectará o tráfico aéreo, aínda que o descenso no nivel de inversión térmica pode empeorar a calidade do aire. Os últimos datos sobre a extensión da lava indican que hai 674,5 hectáreas afectadas, 34,23 máis que a véspera, e o ancho máximo da coada mantense en 1.770 metros. As edificacións destruídas, segundo o cotexo co catastro, son 992, das que 908 son de uso residencial, 95 agrícola, 47 industrial, 22 de lecer e hostalería, oito de uso público e 11 doutros usos.

Noticias web

14/10/2021