CRTVG

Buscar

A lava do volcán da Palma aproxímase ao mar, arrasando casas, colexios e cultivos

Publicado o 21/09/2021 14:57

A lava xa entrou no pobo de Todoque, unha localidade, xa desaloxada, duns 1.200 habitantes, no municipio palmeiro de Los Llanos de Aridane, a unha velocidade duns 120 metros por hora, polo que a chegada do magma ata o mar podería tardar moito máis do previsto.

A lava que mana do volcán discorre por dúas linguas, unha das cales, a situada ao suroeste, nas Manchas, ten "un movemento mínimo", apenas uns 2 metros por hora, e o comité científico do Pevolca "dubida" de que se vaia a reactivar. A outra é a que avanza inexorablemente ladeira abaixo, e que xa entrou en Todoque, alimentada, ademais, pola nova boca que se abriu na noite deste luns e que obrigou ao desaloxo dos veciños de Tacande, en El Paso.

A lingua de lava do volcán de Cumbre Vieja non deixa de avanzar. Faino máis lentamente, pero devora todo o que hai no seu camiño. 183 vivendas e un colexio foron destruídos, hai estradas cortadas e numerosos cultivos calcinados. O vulcanólogo galego David Calvo di que agora un dos temas máis preocupantes son os gases que o volcán expulsa á atmosfera, que poden ser tóxicos e mesmo chegar a producir choiva ácida. 

A actividade sísmica e os tremores continúan na illa da Palma. De feito xa son 9 as bocas do volcán, tras abrirse unha nova fisura nas últimas horas. A lava cobre xa 106 hectáreas de terreo, mentres os equipos forestais, vixían a aparición de posibles incendios, como explica un axente forestal galego destinado na illa.

Din os expertos que a principal coada de lava vai desembocar entre montaña de Todoque e montaña da Laguna. Preocupan os gases e as posibles explosións que poden xurdir nese momento.

"A lava ten gases volcánicos, dióxido de xofre, e esa lava cando chegue ao mar, ao arrefriar vai soltar eses gases que ten no seu interior", explica Itahiza Domínguez, xefe de Sismoloxía o Instituto Xeográfico Nacional nas Canarias.

Por iso mantense un perímetro de seguridade de 2 quilómetros, e permanece prohibida a navegación na zona afectada. Coa vista posta xa na reconstrución, o Goberno canario solicitará fondos de solidariedade de la UE por danos superiores aos 400 millóns.

"Serán fondos que irán para infraestruturas de carácter público, colexios, e permite que poidamos utilizar esos fondos para aloxamentos provisionais, que é o que lo que máis nos preocupa", di Ángel Víctor Torres, presidente do Goberno das Canarias. 

 



Noticias web

21/09/2021