CRTVG

Buscar

A lava do volcán chega ao mar e, a pesar de liberar gases, a calidade do aire é boa

Publicado o 29/09/2021 14:35

• O magma está formando un delta que gaña terreo no océano

• O Cabildo de Tazacorte pide á poboación que non saia da casa

Sigue en directo a erupción do volcán 

Eran as once da noite, hora canaria, medianoite na Península, cando as coadas de lava alcanzaban a costa. Caeron por un cantil duns cen metros de altura na zona da praia do Perdido, preto de Tazacorte.

Segundo informa o buque Ramón Margalef, situado nese punto, formouse un depósito de lava de máis de 50 metros de altura, con forma piramidal.

Ao contacto do magma coa auga producíronse pequenas explosións. As autoridades alertan da presenza dunha gran nube gasosa de cor branca formada por cristais volcánicos, vapor de auga e ácido clorhídrico, aínda que só afecta a zona de exclusión de dous quilómetros. Non obstante, as autoridades aseguran que os gases non representan perigo para a saúde, pero mantense o confinamento dos barrios costeiros de Tazacorte de xeito preventivo, coa recomendación de pechar portas e ventás.

En declaracións á Axencia EFE, o vulcanólogo do CSIC, Joan Martín, sinalou que a cantidade de gases que desprende a lava ao entrar en contacto co mar é pequena se que se vai dispersar de forma "moi rápida", polo que a afección será "moi local" e non debería haber problemas se os cidadáns seguen as recomendacións das autoridades.

Minutos antes das once da noite, e ante a inminencia da chegada da lava ao mar, evacuárase a zona do porto de Tazacorte, en que estaba situada a prensa, que foi desprazada a outro lugar. A velocidade que collera a lava nas últimas horas xa facía presaxiar que non tardaría en alcanzar a costa. O volcán entrara nunha fase que os científicos chaman efusiva, con expulsión de moito magma e menos rochas e cinsa que ao principio. Iso fixera que a velocidade das coadas aumentara porque a lava emerxía de zonas máis profundas do volcán e era máis quente e fluída.


O Cabido insular recomenda aos veciños de Tazacorte que non saian das súas casas e manteñan as portas e ventás pechadas.

Agora que a lava chegou ao mar, prevese que a vida mariña se vexa afectada, pero din os expertos que se espera, igual que acontecera na illa do Hierro en 2011, que se recupere rápido desde que concluída a erupción.

O que definitivamente vai cambiar é a paisaxe. Ese depósito de lava que se acumula xa no océano está creando un delta que pouco a pouco gaña terreo ao mar.

Baixo o manto de lava quedan sepultadas preto de 700 edificacións e os soños de moitos residentes, mentres outros saían indemnes por un repentino cambio de dirección da coada.  Paralelamente á chegada da lava ao mar, na parte oriental da illa da Palma rexistrouse un novo movemento sísmico de 3,3 na escala de Richter e co epicentro situado a 11 quilómetros de profundidade.

 

Noticias web

29/09/2021