CRTVG

Buscar

A lava das tres coadas da Palma xa levou por diante 1.500 construcións

Publicado o 13/10/2021 15:31

Das tres coadas do volcán, a do norte é a que máis preocupa. Segue avanzando e no seu traxecto ameaza novas vivendas e cultivos da Laguna, nos Llanos de Aridane, onde onte se ordenaba a evacuación de 800 persoas, que tiveron que abandonar os seus fogares. Esta coada norte, que xa levou por diante un polígono industrial, atópase a uns 200 metros do mar.

Pola mañá o Cabido da Palma informaba de que ao longo do día se permitiría o acceso polo sur aos veciños evacuados, con propiedades fóra do perímetro de seguridade, para recoller roupa e pertenzas, e os agricultores poderán regar e cortar froita sempre coa supervisión de persoal de seguridade.

Os xeólogos advirten de que a lava pode estenderse máis ao ancho porque a que está saíndo nas últimas horas do volcán é moi fluída.

Ademais, a actividade sísmica continúa e esta noite rexistrábanse 20 tremores arredor do volcán. A magnitude máxima foi de 3,9, percibido en case toda a illa.

Con respecto á evolución da nube de cinza e gases, alcanza xa os 3.500 metros, aínda que os aeroportos de Canarias están todos operativos e só na Palma se rexistraban tres cancelacións. De acordo ao último balance de danos, a lava afecta xa 656 hectáreas, destruíu ao seu paso 1.458 vivendas e obrigou a evacuación dunhas 7.000 persoas.

Noticias web

13/10/2021