CRTVG

Buscar

A Laracha volve ver como medran os contaxios e regresan as restricións

Publicado o 05/05/2021 16:05

A partir do venres os bares da Laracha, neste concello da Costa da Morte, pecharán no interior e só poderán atender as terrazas cun 50 % de ocupación. Algo que afecta especialmente esta zona de terraceo de Caión, un dos principais atractivos turísticos do concello. A decisión chega porque a incidencia acumulada a 14 días na Laracha é de 263 casos por cada 100.000 habitantes, os contaxios medraron e preocupa un gromo no colexio de Caión, con 3 aulas pechadas.

Hai só un mes que Martina colleu as rendas dun restaurante do porto de Caión, a zona máis turística e mariñeira da Laracha. Pero a partir do venres ninguén poderá poñer un pé no interior do seu local. "Complicado, vai ser complicado", laméntase.

Cos interiores pechados e as terrazas ao 50 % quérese conter o avance do virus na Laracha. Arestora hai 30 casos activos, 7 detectáronse no colexio de primaria de Caión, onde xa se tomaron medidas.

Desde o concello fan un chamamento á responsabilidade dos veciños, que reciben as novas medidas con resignación e certo cansazo pandémico.

No peor da pandemia chegaron a ter 150 casos, así que confían en que este sexa a última rabexada dun pesadelo do que agardan espertar antes do verán.