CRTVG

Buscar

A Lama súmase ao programa de reinserción Nelson Mandela

Publicado o 03/03/2020 14:54

As penas privativas de liberdade deben estar orientadas á reeducación e á reinserción social, tal e como recolle o artigo 25 da Constitución. Ao abeiro desa idea naceu o programa Nelson Mandela. Unha iniciativa pioneira, destinada a facilitar o tránsito dos internos cara á súa vida en liberdade. Dende a súa implantación hai once anos no cárcere de Teixero, suma máis de mil cincocentos participantes. E agora acaba de implantarse no cárcere da Lama.

Ana Terlera, subdirectora de tratamento do centro penitenciario A Lama, explica que o obxectivo do programa é dar formación aos reclusos, tanto laboral como a relacionada coas habilidades sociais.

Os reclusos sen expedientes disciplinarios e cun horizonte de liberdade próximo poden acceder voluntariamente a este módulo especial no que contan con itinerarios personalizados de inserción familiar e sociolaboral. Aquí conviven actualmente 56 internos. Unha vez saen do cárcere, dispoñen dunha rede de apoio e seguimento.

Víctor Manuel, interno no módulo 13 e participante no programa Nelson Mandela, di que recuperar o tempo perdido é imposible, pero que do que se trata é de estar preparado para non repetir os erros do pasado que o levaron ao cárcere.

O programa, en que traballan de xeito conxunto o Goberno galego, Institucións Penitenciarias e as administracións locais, foi galardoado coa Medalla de Prata ao mérito social penitenciario, e co premio europeo de servizos sociais.

Segundo Institucións Penitenciarias, en España o 69 por cento dos presos non reincide. E no caso dos reclusos que participan no programa, as cifras melloran. Máis do 80 por cento non volve delinquir. E é que, como dixo o propio Mandela, "a educación é a arma máis poderosa para cambiar o mundo".

Noticias web

03/03/2020