CRTVG

Buscar

A lagoa de Cospeito, lugar privilexiado para o avistamento de aves

Publicado o 13/01/2020 14:37

A lagoa de Cospeito, situada na cunca alta do Miño, chega á súa maioría de idade como reserva da biosfera recoñecida pola Unesco. Xa hai 18 anos que este espazo de 17 hectáreas goza dunha protección especial pola súa diversidade, tanto de flora coma de fauna. Ademais, está incluído dentro da Rede Natura. Situada a escasos metros da capital do concello, na lagoa teñen o seu hábitat diferentes especies de anfibios, numerosas aves e o 20% das plantas que están en risco de extinción en Galicia.

"Temos moitas especies comúns ás nosas zonas húmidas, como as anátidas e garzas. E outras non vencelladas ao medio húmido. No seu conxunto, a lagoa é un lugar idóneo para a conservación de certas especies".

A lagoa foi desecada parcialmente hai 50 anos por causa da chamada colonización desta parte da Terra Chá. Daquela a súa superficie era de 70 hectáreas. Con todo, segue a ser unha das zonas húmidas máis importantes de Galicia e serve como refuxio para numerosas aves procedentes do norte de Europa que veñen aquí pasar o inverno, como a avefría ou o parrulo culler.

"A accesibilidade é unha vantaxe para que se coñeza a lagoa e non se deron casos de vandalismo. Pero habería que buscar algún tipo de figura legal que lle dea máis importancia".

O acceso ao interior da lagoa está restrinxido para non prexudicar a flora e a fauna que habitan nela. Con todo, hai diferentes puntos elevados para realizar a observación de especies vexetais e animais e unha ruta que se pode facer polas beiras. A auga da lagoa procede do río Guisande, un dos afluentes do Miño.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/01/2020