CRTVG

Buscar

A Xunta de Andalucía dálle a Vox datos dos traballadores contra a violencia machista

Publicado o 03/05/2019 19:37

Primeiro pediran os nomes dos traballadores andaluces que avalían as vítimas da violencia de xénero. Como a Lei de protección de datos non o permitía, VOX reformulou a petición.

Francisco Serrano, voceiro de VOX no Parlamento de Andalucía, di que "nin me importa o sexo, nin o nome, nin as cuestións persoais. O que queremos son os datos profesionais, a cualificación destas persoas, se están colexiados".

A Xunta de Andalucía xa lles entregou os datos. Segundo a formación de extrema dereita, demostran que máis da metade deses traballadores non están colexiados. O número dous do Goberno andaluz rebaixa a cifra ao 40%, e minimiza a súa importancia.

Juan Marín, vicepresidente da Xunta de Andalucía, di que "o señor Serrano se confunde. Unha cousa é non ter a titulación e a preparación e outra é non estar colexiado. Por suposto, todos os traballadores que prestan o seu servizo nas unidades de violencia integral de xénero e nos servizos psicosociais teñen toda a preparación e capacidade necesaria para desenvolver o seu traballo".

Desde a oposición acusan a formación de extrema dereita de pretender amedrentar os profesionais que combaten a violencia machista e o Goberno andaluz, de ceder a todas as súas esixencias por manterse no poder.
 

Noticias web

03/05/2019