CRTVG

Buscar

A ITV móbil fai parada en Vila de Cruces

Publicado o 28/05/2019 21:35

Albino é o pedáneo de Piloño e un firme defensor da ITV agrícola. Foi dos primeiros en poñerse á cola. 

Albino Espiño vai pasar a ITV do tractor e di: "Debían vir todos, que todos veñan pasar a revisión e telos ao día, ben preparados".

Nesta parroquia de Vila de Cruces, a unidade móbil da ITV botará tres días, de trasfega constante. Hai que revisar luces, freos, dirección... 

"Empezamos mirando o número de bastidor, estrutura, pneumáticos, sinalización... Aquí dentro faise a proba freando e folguras: rodamento, rótulas...".

É a quenda de Albino. Vén confiado porque revisa todo antes de vir. A inspección dura arredor de quince minutos e abrangue tamén o remolque.

"Cando poida mírelle as luces de cruzamento e máis os reflectores de atrás"; "Vaia, eu de noite non ando"; "Pero de día tamén fan falta". "Como foi, Albino?"; "Ben, ben. Algunha luciña porque lle entra algunha auga".

El conseguiu o seu adhesivo, o mesmo que o 80 % dos vehículos agrícolas que se presentan, pero hai que ter en conta que unha porcentaxe sen cuantificar non acode ás inspeccións. Ese, xunto coa idade media dos condutores, son os principais factores de risco na sinistralidade con tractores. 

José Iglesias Gamallo, xefe de equipo da unidade móbil: "Todos temos accidentes, pero neste caso hai moitas persoas maiores que ata veñen con muletas no tractor e soben moi mal, deféndense moi mal".

En 2018, 21 persoas morreron en Galicia en accidentes con tractores e no que vai deste ano xa chegamos á decena.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/05/2019