CRTVG

Buscar

Telexornal Serán FDS

A Irmandade dos Vinhos Galegos organiza unha cata con seis viños

Publicado o 12/11/2016 21:34

Seis viños sometéronse hoxe en Santo Estevo de Ribas do Sil aos padais dos membros da Irmandade dos Viños Galegos, unha confraría formada por máis dun cento de persoas que teñen en común o seu amor e aprecio polos caldos do noso país.

Nova xuntanza da Irmandade dos Vinhos Galegos, que desta volta celebra a festa da castaña, se ben os caldos seguen tendo todo o protagonismo.

"Celebramos conxuntamente dous elementos que foron básicos na inxesta galega, que sacaron moita fame como foi a castaña e que sacaron moita sede e moito frío, como foi o
viño", explica o preboste da irmandade, Nemesio Barxa.

"Procuramos viños non os de máis renome comercial, senón os que consideramos que son de alta calidade e teñen menos publicidade ou coñecemento, apunta o síndico José Manuel Fernández Andiano.

Os escollidos para participar nesta cata foron seis viños, pertencentes ás distintas denominacións de orixe galegas.

"Vamos catar un viño da subzona do Rosal, da denominación de orixe Rías Baixas; un do Ribeiro, da zona do Avia, e outro de Valdeorras", adelanta Andiano.

En canto aos tintos, decantáronse por dous da Ribeira Sacra, un da ribeira do Miño e outro do Sil, e un mencía do Bierzo.

Todos eles foron escollidos especialmente polo sanedrín que preside esta irmandade formada por afeccionados ao mundo do viño que, coa súa elección, respaldan a calidade dos caldos.

"Dar a coñecer o máis que podemos, sobre todo coas confrarías amigas de España, a variedade vinícola que temos e que a xente poda, nun momento determinado, solicitar un viño concreto porque nos escoitou falar del", manifesta o preboste desta confraría.

Ademais da cata, os participantes na xornada gozaron dun magosto e un xantar no parador de Santo Estevo de Ribas de Sil.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí