CRTVG

Buscar

A irmá de Diana Quer asegura que algunhas testemuñas menten

Publicado o 14/11/2019 14:05

Juan Carlos Quer chegaba aos xulgados das Fontiñas contra as 9 e media da mañá, acompañado pola súa filla Valeria, que asegurou que vai estar xunto a el seguindo todo o procedemento con moita forza, malia a dureza das declaracións e a dor que lle produce.

"Moita dor, moita tristura, pero o que non nos vai quitar é a forza este señor. Quitounos moitas cousas, quitounos moita vida, pero non nos vai quitar a forza para facer xustiza pola miña irmá". "O máis duro que escoitei nesa sala é o comportamento dese individuo e o pensar que lle puido facer e a última cara que viu a miña irmá tan desagradable coma a desde señor", dixo Valeria Quer, a irmá de Diana.

Juan Carlos Quer asegurou que día a día se vai poñendo a realidade en evidencia, en relación á declaración realizada onte por un amigo de Jose Enrique Abuín.

"Os testemuños de onte foron moi esclarecedores. Un acosador de nenas, antecedentes por agresión sexual. Desafortunadamente, o calvario que tivo que sufrir Diana foi brutal", dixo Juan Carlos Quer, o pai de Diana.

Como xa ocorrera na sesión de onte, Valeria tivo que saír da sala visiblemente anoxada tras a declaración de Diego, o primeiro dos feirantes citado nesta sesión e que, segundo Valeria, se desdí do dito na fase de instrución.

"Entrei, vin unha persoa que nun momento dixo unha cousa e agora di outra. Tiven que saír porque me pon nerviosa escoitar mentiras. E máis se se trata da morte da miña irmá, que non se pode tomar tan á lixeira coma o toman eles".

Xa á súa chegada e tamén á saída do xulgado, algúns deles manifestaron ante os medios que non viran nin escoitaran nada.

Á súa saída dos xulgados maifestaron o seu interese en que isto se resolva canto antes e que se limpe o nome dos feirantes, que se viu afectado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/11/2019