CRTVG

Buscar

A investigada polo accidente mortal de Palmeira viaxaba a 130 km/h nunha zona limitada a 70

Publicado o 29/10/2019 13:37

A condutora, agora investigada, viaxaba a 130 km/h nunha zona limitada a 70. E o seu vehículo invadiu o carril contrario antes da colisión en que perderon a vida os dous mozos. Son as conclusións do informe pericial levado a cabo polo equipo de reconstrución de accidentes de Tráfico da Garda Civil. Un documento en que recollen todos os datos posibles sobre o sinistro, e que tamén lle remitiron ao xulgado de Ribeira que instrúe a causa. Con todo, as familias das vítimas están convencidas de que a condutora viaxaba aínda a máis velocidade, polo que pediron que se revise tamén a central do vehículo.

Ramón Siaba, avogado da familia dos mozos falecidos, explica que as familias están moi mal, e reciben apoio psicolóxico.

As familias de Sara Lampón e Abraham Muñiz, falecidos no accidente rexistrado en Palmeira o 4 de maio pasado, cren que se trata dun homicidio imprudente, e así esperan que quede demostrado no xuízo.

"O obxectivo das familias é lograr unha condena exemplar para a investigada", di o avogado dos familiares das vítimas. "A pena que podería impoñérselle á condutora do vehículo causante do sinistro sería de catro a seis anos de prisión".

Tras o accidente tamén quedou demostrado que a condutora do BMW case triplicaba a cantidade máxima permitida de alcol en sangue, e o informe apuntaba tamén ao consumo doutras substancias. Por todo iso, as familias dos dous mozos falecidos solicitarán a condena máxima de prisión que permite a lei.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/10/2019

Máis sobre ribeira