CRTVG

Buscar

A investigación dos atentados está a piques de rematar e o xuízo celebrarase no 2020

Publicado o 17/08/2019 14:34

Dous anos despois dos atentados a investigación está en fase de finalización... O xuízo celebrarase previsiblemente antes do verán do 2020.
Sentaranse no banco dos acusados tres persoas: Driss Oukabir, Mohamed Ouli Chemlal e Said Ben Iazza. Os dous primeiros están procesados por pertenza a grupo terrorista, posesión e fabricación de explosivos. O terceiro por colaboración con grupo terrorista. Ningún deles se procesa por asasinato. O xuíz da Audiencia Nacional, Fernando Andreu, non ve probas de que participasen de forma directa nos atentados.
A pena máxima á que se enfrontan é de 44 anos de prisión.

Os autores principais faleceran hai dous anos: O imán de Ripoll, suposto cerebro dos atentados, morreu na explosión de Alcanar. O condutor da furgoneta fora localizado polos Mossos e abatido días despois. O resto tamén foran abatidos en Cambrils.
A policía detivera ademais o irmán dun dos terroristas mortos e o dono dun locutorio en Ripoll. Os dous quedaran en liberdade. Non se lles atopara conexión coa célula.

A investigación nestes dous anos non logrou determinar se houbo un cerebro exterior na planificación dos atentados e colaboración por parte doutra célula en Francia.
As súas viaxes a ese país, tamén a Alxeria, Marrocos e Bélxica fixeron pensar aos investigadores que os terroristas recibiron axuda e formación para fabricar explosivos...
O sobrevivente da explosión de Alcanar asegurou nos interrogatorios que o imán de Ripoll pretendía atentar contra monumentos relixiosos, como a Sagrada Familia... Tras as análises dos ordenadores tamén se cre que entre os posibles obxectivos estaban o Camp Nou e o pantano de Riudecanyes...
Nas últimas horas, o comisario xefe dos Mossos, Eduard Sallent, nunha entrevista no xornal La Vanguardia, evitaba entrar en especulacións sobre a relación do imán de Ripoll co CNI, e negaba que as forzas de seguridade do Estado ocultasen información aos Mossos.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/08/2019