CRTVG

Buscar

A investigación do triplo crime de Valga podería durar máis de 6 meses

Publicado o 19/09/2019 21:23

Tres mulleres abatidas a tiros. Un home que chama para entregarse polos crimes e que, ademais, entrega a arma homicida. Dous nenos que presenciaron os feitos. O caso parece claro e pechado. Por iso, moitas voces din que José Luis Abet podería enfrontarse a unha petición de prisión permanente revisable.

E estudar estas circunstancias poderalle levar á xuíza 6 meses. Incluso pode pedir máis prazo se considera que o caso é especialmente complexo. Porque para pedir prisión permanente revisable a instrutora ten que demostrar que estas mortes foron asasinatos e non homicidios. É dicir, que houbo premeditación. Para algúns penalistas, semella claro que Abet planeou o crime con antelación.

Para probar ou refutar eses argumentos, a instrutora investiga onde e cando mercou a arma José Luís Abet. De entrada, o acusado ten na súa contra que o revólver non tiña numeración. A súa era unha arma ilegal.

Para rastrexar a orixe desa arma e para investigar se houbo ou non premeditación, a instrutora traballa nos pequenos detalles, nos movementos que fixo o acusado nos días previos, nos contactos que estableceu e nas mensaxes que puido enviarlle á súa ex-muller.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/09/2019