CRTVG

Buscar

A investidura, pendente do informe da Avogacía do Estado sobre a inmunidade de Junqueras

Publicado o 20/12/2019 09:30

• Moncloa respecta o ditame sobre Junqueras e ratifícase en abrir nova etapa

 

O recoñecemento da inmunidade de Junqueras crea turbulencias nas negociacións para lograr a investidura, que están neste momento pendentes das alegacións que presente nos próximo días, ante o Supremo, a Avogacía do Estado.

Esquerra reclama coñecer o posicionamento do Goberno antes de seguir negociando. Desde o PSOE pídenlle evitar que faga fisura no diálogo por un asunto xudicial que é dunha etapa anterior.

Oriol Junqueras tiña inmunidade desde que foi elixido deputado do Parlamento e o Supremo debeu levantar a prisión provisional para que recollese a súa acta e pedir suplicatorio antes de xulgalo polo 'procés'. A sentenza de Europa corrixe así a decisión do Tribunal Supremo, que agora ten que encaixala, nun momento no que xa si hai setenza firme: condena e inhabiltación. Como facer ese encaixe é o debate que agora se abre e que onte paralizou as negociacións de goberno. O Parlament recibía con euforia a resolución que lle dá a razón á defensa de Junqueras, que pedirá a liberación inmediata.

Pero para a fiscalía, a sentenza non afecta a situación penitenciaria actual de Junqueras. Argumentan que agora xa non é un preso preventivo, senón que está condenado en firme. Queda por pronunciarse a acusación particupar que exerce Vox e a Avogacía do Estado. Esquerra suspende as negoacións ata coñecer a súa posición.

Sete horas despois da resolución chegaba o comunicado do Goberno, explicando que é o Supremo quen ten o mandato de dar cumprimento á resolución do Tribunal Europeo. Explica que a a Avogacía do Estado estuda o caso e fixará a súa posición nos próximos días, e que o Goberno se ratifica na necesidade de abrir unha etapa política de diálogo e negociación no marco do estado social e democrático de dereito.

Tamén o líder de Unidas Podemos explica nun chío que a xudicialización do conflito foi un erro que deteriorou a imaxe da xustiza española. Pide intelixencia para lograr a reconciliación que precisa o noso país.

Noticias web

20/12/2019