ERC, pendente do ditame da Avogacía para decidir se apoia a investidura
Dun momento a outro podería coñecerse a opinión da Avogacía do Estado sobre a inmunidade de Oriol Junqueras. Do sentido dese ditame depende o apoio de Esquerra Republicana á investidura de Pedro Sánchez. PP e Ciudadanos piden a comparecencia de Sánchez ó que acusan de presionar á Avogacía.
A investidura segue pendente de Esquerra, e Esquerra, pendente da Avogacía do Estado. Os republicanos esperan que este órgano, dependente do Ministerio de Xustiza, se pronuncie no mesmo sentido có Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre a inmunidade de Oriol Junqueras.
Marta Vilalta Voceira de ERC: "E isto quere dicir a liberdade de Oriol Junqueras e a nulidade de todo o que pasou despois de que fose escollido eurodeputado".
Segundo adiantan os medios citando fontes gobernamentais, a Avogacía informará a favor de que Junqueras recolla a súa acta da europarlamentario, pero está estudando se o ex-vicepresidente catalán debería ter permiso para acudir á Eurocámara, porque a súa condena é firme. Iso si, o ditame non cuestionaría a sentenza do 'procés', como pide Esquerra.
Os republicanos insisten en que só faltan detalles e admiten novos contactos nos últimos días. Por se acaso, a formación despexou a axenda dos seus deputados.
Joan Josep Nuet, deputado de ERC: "Cando imos saber se efectivamente vai haber goberno de Pedro Sánchez? Entre horas e días? Non hai data, pero os deputados reservamos a axenda entre o 27 de decembro e o 4 de xaneiro".
A Mesa do Congreso habilitou entre o 28 e o 30 de decembro por se houbese que convocar unha sesión de investidura de urxencia. Outra opción, que só precisaría da decisión da presidenta, sería a dos días previos a Reis.
Partido Popular e Ciudadanos piden a comparacecencia de Pedro Sánchez no Congreso e ínstano a que diga se presionou á Avogacía para conseguir un trato favorable para Oriol Junqueras.
Edmundo Bal, voceiro adxunto de Ciudadanos no Congreso: "Se a Avogacía do Estado se aparta do criterio da Fiscalía, a única explicación posible é que recibiu as presións políticas de Moncloa e etá facendo o xesto que lle pedía ERC".
Teodoro García Egea, secretario xeral do PP: "A Sánchez o único que lle interese é ser presidente a toda custa, aínda que sexa a custa de España e a custa do futuro dos españois. Aos independentistas tocoulles o premio Gordo con Sánchez, con tal de seguir en Moncloa semella disposto a todo, a romper todas as liñas vermellas e mesmo a meterlle presión á Avogacía do Estado e aos poderes xudiciais".