CRTVG

Buscar

A investidura frustrada de Madrid arranca a conta atrás da repetición das eleccións

Publicado o 11/07/2019 08:38

A crónica da sesión de investidura na Asemblea de Madrid foi a dun fracaso anunciado porque xa non había candidato. Para o que valeu foi para botar a andar o reloxo da repetición das eleccións. Se en dous meses ningún aspirante logra a confianza da cámara, convocaranse os comicios para o dez de novembro. A popular Díaz Ayuso sabe que o obstáculo que ten salvar para ser presidenta é o acordo entre Vox e Ciudadanos.

"Intentamos sen descanso que ambas formacións se entenderan. E si, Ciudadanos fixo dous esforzos: un café un domingo e a reunión de onte a última hora. E por parte de Vox levamos esperando desde o 30 de xuño un texto. Non vou ceder no empeño de unilos no importante", relata Isabel Díaz Ayuso, voceira do Partido Popular na Asemblea de Madrid.

Vox recolle a invitación do PP a seguir negociando pero tamén lle envía mensaxe a Ciudadanos "A estes votantes non poden pedirlles vostedes un cheque en branco", advirte Rocío Monasterio, voceira de Vox na cámara madrileña.

A resposta de Ciudadanos a Vox é clara. "Quería ter unha reunión?, pois tívoa. Quería ter unha foto?, tívoa. Non vai haber máis reunións a tres porque non vai haber máis que negociar", asegura Ignacio Aguado, voceiro de Ciudadanos na Asemblea de Madrid.

Os de Vox e os do PP non son os únicos reproches que recibe Ciudadanos. "Se pactan coa ultradereita teñan o valor de defendelo", di Isabel Serra, voceira de Unidas Podemos no parlamento madrileño.

"Vostedes queren viaxar no mesmo coche que o Partido Popular e que Vox pero pretenden, polo momento, que Vox viaxe no maleteiro e que non se vexan", afirma Íñigo Errejón, voceiro de Más Madrid na cámara madrileña. E o voceiro do Partido Socialista lánzalle un reproche a Ciudadanos: "Non comprendemos a negativa de Ciudadanos a dialogar con nós". Gabilondo mantén a invitación a Ciudadanos para negociar, porque os apoios que ten, Más Madrid e Unidas Podemos, tampouco lle chegan ao socialista para gobernar.

Noticias web

11/07/2019