CRTVG

Buscar

A pesar de que chove menos continúa activa a alerta por risco de inundacións

Publicado o 30/01/2020 08:55

O Plan especial por risco de inundacións continúa activo ante a suba dos caudais en moitos ríos. Hoxe a situación é algo mellor ca onte, pero os equipos de emerxencias continúan en alerta para actuar ante calquera incidencia.

Cortes en varias estradas, desprendementos, leiras inundadas e caudais de moitos ríos ao límite. Son as imaxes que deixa a intensa chuvia, que obrigou a activar o Plan especial por risco de inundacións.

Os equipos de urxencias están en alerta, pero, segundo o 112, o día comezou sen incidencias salientables e agardan que a situación mellore.

En Caldas de Reis xa se nota esa mellora. Onte a chea do caudal do río Follente complicou o paso de vehículos na Nacional 640, pero a situación na vila é moito máis tranquila.

Xaneiro remata deixando acumulacións de 120 litros por metro cadrado nalgunhas zonas de Galicia. O primeiro mes do ano veu pasado por auga, pero parece que coa chegada de febreiro o sol deixarase ver lentamente.

Remata xaneiro, pero polo de agora, non as precipitacións. A pouco máis dun día para a entrada de febreiro, o balance meteorolóxico do primeiro mes do ano conclúe que se tratou dun mes cunha protagonista clara: a chuvia. Especialmente afectada estivo a franxa atlántica do suroeste da Coruña e o norte de Pontevedra, onde sufriron problemas polos anegamentos.

Quen sofren as consecuencias do mal tempo das últimas semanas son os tendeiros das prazas de abastos. O descenso de clientes faise notar e, en consecuencia, tamén o fan os ingresos.

Non obstante, semella que a situación mellorará para os vindeiros días. Comezaremos febreiro con paraugas, pero o sol irá entrando aos poucos en Galicia. A chuvia aínda estará presente ata o domingo, pero xa no remate da fin de semana notarase a influencia anticiclónica, que será algo máis clara a partir do próximo martes.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/01/2020