CRTVG

Buscar

Telexornal Serán FDS

A intelixencia emocional axúdanos a xestionar as nosas emocións

Publicado o 07/11/2015 21:23

O modo no que nos enfrontamos ó noso día a día ven marcado polas nosas emocións e sentimentos. De aí que cada vez vaia collendo máis peso a intelixencia emocional como un dos piares do noso desenvolvemento persoal. Da xestión de emocións falaron hoxe en Santiago os mellores especialistas no foro Emociona.

Se non existira a tristeza, non existiría a alegría. Tendemos a rexeitar as emocións desagradables sen darnos conta de que as precisamos todas. "A maioría da xente xestiona mal as súas emocións porque non quere telas malas, quere estar sempre ben, feliz... De entrada, iso non é posible pero, ademáis, é improductivo porque evita que teñamos que evolucionar", indica a psicóloga Laura García Agustín.

Aprender a xestionar as nosas emocións, verbalizalas, é chave para levar unha vida plena e saudable. Por iso, a intelixencia emocional está chegando ás escolas. César Bona está considerado un dos mellores mestres do mundo. El sinala que "é super necesario coñecer as inquietudes, as preocupacións dos cativos... O que lles gusta. Non se trata só de meter datos e aí as emocións son moi importantes"

Hai que incentivar a curiosidade dos nenos, ir máis aló das simples notas. O filósofo e pedagogo José Antonio Marina pensa que un bo profesor ten que " saber o dominio que ten que explicar, coñecer aos nenos, non terlle medo aos alumnos, estar seguro de que pode educalos, saber colaborar no centro..."
As emocións poden adestrarse e unha boa xestión delas pode cambiar completamente o noso estilo de vida.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí