Investigan a residencia de Salvaterra de Miño por casos de abandono extremo
Nas residencias galegas hai 404 usuarios con covid−19. Nas últimas horas detectáronse 27 novos casos, dos que 20 son no xeriátrico Ballesol de Vigo.
As residencias con máis positivos son a DomusVi de Ribadumia, con 71 usuarios con covid−19, e a de Salvaterra de Miño, con 64.
Precisamente, esta residencia privada está intervida pola Xunta por causa do aumento de casos. Pero ademais, unha vez dentro, o Sergas detectou deficiencias moi graves no servizo que se lles prestaba aos anciáns.
Por este motivo, a Inspección de Servizos Sociais abríu unha investigación ao centro de Salvaterra de Miño.
A chegada do persoal público para reforzar o plantel por causa dos positivos fixo posible a apertura da denuncia.
Esta denuncia, interposta por varias traballadoras, acompáñase de fotografías que queren pór de manifesto unha situación insostible.
Maiores recostados sobre colchóns rotos, baños que non están adaptados aos seus usuarios, goteiros colgados das lámpadas ou falta de material son algunhas das reivindicacións que xa fixeron chegar á Inspección de Servizos Sociais para poder tomar medidas canto antes.
Esta situación xa fixo eco entre moitos familiares destes residentes, que hoxe acudían ata aquí para pedir explicacións e para podelos levar; neste caso, a súa nai contaxiada.
Esta residencia foi intervida pola Xunta hai quince días, e xa se está a investigar o acontecido. A Televisión de Galicia púxose en contacto coa dirección desta residencia vía telefónica; polo de agora, sen resposta.
As últimas cifras deste gromo son de 64 anciáns e 27 traballadoras contaxiados por coronavirus.
O PSdeG carga contra Política Social por "recoñecer" que actuou "despois da denuncia"
A conselleira de Política Social, Fabiola García, asegurou que se analiza "moi detidamente" a situación na residencia de Salvaterra de Miño despois de "ter coñecemento" do escrito en que se denuncian episodios de abandono aos usuarios do centro.
Díxoo en resposta a unha interpelación parlamentaria formulada pola diptuda socialista Mariña Ortega durante o pleno ordinario que este mércores acolleu o Pazo do Hórreo, onde a parlamentaria do PSdeG cargou contra a conselleira por "recoñecer" que "actuaron despois da denuncia" que chegou aos medios nos últimos días, "cando a residencia levaba 15 días intervida".
Fabiola García acusou a deputada socialista de "mentir" sobre o que ocorre na residencia de Salvaterra, na que "se reforzou" o cadro en "case 50 profesionais".
"Fíome máis do que din os inspectores da Xunta que do que traslada vostede ou algún medio de comunicación", apostilou a titular de Política Social.
Así, a conselleira asegurou que a Xunta se atopa "analizando moi detidamente" a situación nesta residencia, á que "inmediatamente" se trasladou "unha inspección" sanitaria e outra de servizos sociais para estudar as condicións en que se atopa o centro.
Todo iso, continuou, co obxectivo de "salvar a todas as persoas que están na residencia e comprobar que se cumpre escrupulosamente a normativa vixente" e que, no caso de non seguirse, procederase á apertura de expedientes sancionadores.
Na súa réplica, a deputada Mariña Ortega acusou a conselleiras de falsear a realidade e convidouna a ver os telexornais deste mércores en que se viron imaxes de como eran cambiados os colchóns das camas da residencia de Salvaterra dúas semanas despois da súa intervención por parte da Administración autonómica.