CRTVG

Buscar

A inmobiliaria Mahía facturou máis dun millón de euros ao día durante o boom do ladrillo

Publicado o 08/05/2019 13:55

Este mércores foi a quenda da testemuña principal do caso Mahía, Manuel Gómez Maroñas, que acusa o seu ex-socio Ramón López Casal de desviar cartos a outras empresas para non repartir beneficios, coa colaboración dos outros cinco acusados.

Maroñas, que comparece tamén como acusación particular, reclámalle ao seu ex-socio oitenta millóns de euros. A preguntas do seu avogado, asegurou que Mahía, a segunda inmobiliaria galega en volume de negocio despois de Fadesa, chegou a facturar máis dun millón de euros ao día, domingos incluídos. Asegura que nunca repartiu beneficios, só propiedades, e pregúntase onde foron parar os cartos:

"Centos e centos de millóns. Centrámonos só en dúas contas de Bertamiráns que sumaban 57 millóns de euros".

Apunta a López Casal, como administrador da sociedade, e aos outros cinco acusados, dous fillos del e tres empregados que, segundo Maroñas, eran os cerebros da contabilidade e a administración do grupo.

Os avogados da defensa orientaron os seus interrogatorios a desacreditar as acusacións, que consideran vagas e imprecisas. Alegan que Goméz Maroñas estaba informado de todos os movementos, que as contas de Mahía e o resto de empresas do grupo estaban auditadas e que cada socio tiña os seus propios negocios á parte dos comúns.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/05/2019