CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

A inmigración de venezolanos na Arxentina medra un 140 %

Publicado o 19/02/2018 15:28

A Arxentina tamén é o outro destino ao que emigran maioritariamente os venezolanos. Durante o 2017 entrou no país suramericano un venezolano cada 20 minutos. Isto supón un aumento do 140 %. E a tendencia é que esa cifra se duplique no 2018.

A Arxentina segue a ser un país de acollida para emigrantes. Se no século pasado ata o porto de Bos Aires chegaban maioritariamente galegos e italianos, na actualidade este predio da Dirección xeral de Migracións que ven ás miñas costas recibe sobre todo cidadáns dos países da rexión, entre os que destacan os venezolanos. Só no 2017 a inmigración venezolana na Arxentina medrou un 140%.

Son xa o terceiro grupo migratorio máis importante da Arxentina, animados polas facilidades burocráticas para radicarse.

Julián Curi Gasalla, subdirector da Dirección Nacional de Migracións: "O seu número histórico era 500 aproximadamente e pasaron a 31.000 cunha proxección a duplicar todos os anos".

A situación evidénciase nas rúas de Bos Aires, onde copan o sector servizos ata o punto de que barrios como o de Palermo son alcumados xa como "a pequena Caracas do sur".

Vincenzo Pensa, presidente da Asociación de Venezolanos na República Arxentina: "Son profesionais universitarios que se ven obrigados a traballar en calquera outra cousa".

Xente nova, de clase media-alta, que foxe da gran crise humanitaria que vive o país bolivariano.

Jesús Daniel Linares Salazar, venezolano residente na Arxentina: "A onde vaias vas ver un venezolano en cada recanto e todo o mundo che di o mesmo. Saímos polo diñeiro, porque pasamos fame e por seguridade".

Gladys Chirinos, venezolana residente na Arxentina: "É terrible porque é unha migración que está desesperada".

Móstranse, como fixeran no seu día os galegos, agradecidos coa terra que lles deu unha segunda oportunidade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí