CRTVG

Buscar

A iniciativa solidaria dun bar coruñés logra que un senegalés viaxe ao seu país e despida a súa nai falecida

Publicado o 04/03/2020 11:46

Cando Abdou chegou á Coruña, no ano 2005, fíxoo cun obxectivo moi claro: conseguir traballo para facilitarlles a vida aos seus familiares, que quedaban no Senegal, a máis de 3.000 quilómetros da súa nova vida. Comezou a gañar cartos como vendedor ambulante, pero non tardaría en atopar a axuda dunha segunda familia: os seus amigos do bar Chaflán.

Na actualidade, este bar coruñés é a súa segunda casa. Precisamente, os propietarios, tras saber que a nai de Abdou falecera, foron quen decidiron emprender unha iniciativa solidaria de recadación de fondos para mercar un billete de volta ao Senegal. E é que, nos últimos anos, os cartos que Abdou gañaba no seu traballo ían destinados, en gran parte, ás aproximadamente quince persoas que este senegalés ten ao seu cargo no seu país de orixe. A iniciativa, que difundiron no Facebook do bar, foi un éxito en cuestión de horas, algo que o propio Abdou non acaba de crer.

Tras a espectacular acollida, no bar Chaflán continúan co obxectivo de seguir recadando o que poidan para axudar a familia de Abdou, quen, en canto poida xubilarse, pretende volver ás súas raíces.

Arestora, Abdou xa voa rumbo ao Senegal, onde botará ata mediados de abril, tempo que destinará á súa familia e a darlle o último adeus a súa nai. Polo de agora, a viaxe será con billete de volta á Coruña, pero sempre coa vista posta na súa terra.

Noticias web

04/03/2020