CRTVG

Buscar

A industria pirotécnica ao limite: preparan fogos que non saben se van usar nin cobrar

Publicado o 08/07/2021 13:18

Sen festas onde poder traballar, os fogueteiros galegos están nun mal momento. A maioría das empresas están ao bordo da creba. Alertan de que, sen cambios, están condenadas á desaparición. Para evitalo, os empresarios piden que se aplique a normativa de xeito homoxéneo e se teña en conta unha desescalada para a pirotecnia.

Nunha fábrica de foguetes teñen sete empregados, case a metade en ERTE. Ata o de agora van tirando con pequenos encargos. Pedidos de particulares ou pequenas aldeas que o día do patrón non poden pasar sen uns estoupidos provocados con pólvora.

Santiago López, vicepresidente da Asociación Galega de Industrias Pirotécnicas: "Algunhas institucións están considerando os pequenos disparos, de unha, dúas ou tres ducias de foguetes, como un espectáculo pirotécnico. Temos situacións en que hai concellos que nos permiten o traballo e outros que nolo están impedindo. Hai algún concello que xa comeza tamén a pedir orzamentos. De feito, para o día do Carme hai varios espectáculos en tramitación que a día de hoxe non sabemos se imos poder facer. Temos que preparar o material, incorporamos a xente do ERTE e a día de hoxe non sei se o sábado que vén podo disparar ou non".

As empresas pirotécnicas non poden subsitir con estes pequenos traballos. As restriccións pola COVID−19 fan que eles teñan que traballar preparando un material que se finalmente non poden empregar non van cobrar.

Santiago López, vicepresidente da Asociación Galega de Industrias Pirotécnicas: "A situación é dramática porque temos as empresas con case ano e medio a xente en ERTE, e as reservas financeiras esgótanse. Se non hai axudas, que non é que demandemos axudas, queremos que nos deixen traballar. O que ninguén nos pode negar é que un lanzamento de catro foguetes para anunciar que é a véspera do patrón ou unha celebración non é un espectáculo nin produce unha concentración de xente".

A prohibición de Sanidade refírese a aqueles en que se usen máis de dez quilos de material, que son os que xeran maior actividade e facturación. As grandes celebracións polo momento non están permitidas. Nos fogos do Apóstolo do 2019, en Santiago, utilizáronse 366 quilos.

Noticias web

08/07/2021