CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

A industria galega do autocar destaca na feira internacional Busworld

Publicado o 20/10/2015 15:20

Moitos dos autocares que circulan por todo o mundo son made in Galicia, están montados aquí. Andan por París, por Teherán, por Estocolmo, por Roma... E é que o sector dos autobuses galegos exporta gran parte do que produce. Estes días, varias das nosas empresas participan en Bélxica na Busworld, a feira internacional máis importante do sector.

Cada dous anos, a uns cen quilómetros de Bruxelas xúntanse máis de catrocentas das empresas máis importantes do sector dos autocares de todo o mundo. Hai varias galegas. Desde Ourense esta empresa exporta oito de cada dez autocares. Montan, entre outros, buses turísticos.

"Podes atopar un en París, Roma, Berlín, en cidades de Alemaña, en Amsterdam, Estocolmo, Copenhaguen", asegura Eloy Pérez, conselleiro delegado de Unvi.

Desde Mos, en Pontevedra, esta comercializadora exporta o dez por cento dos seus produtos.

"Un faro pode saír para a República Checa, pode saír para Polonia, Marrocos, para todas as partes do mundo", conta David Pereira, conselleiro delegado da empresa Atlas Bus.

En pouco máis dun ano, trescentos buses urbanos propulsados por gas natural, montados tamén en Galicia, circularán por Irán.

"Todos van ser fabricados entre Santiago e Vilagarcía", comenta Javier García, director comercial de Castrosúa.

Tamén desde Galicia chegan a esta feira internacional uns dos primeiros autocares con motor de gas natural.

Facemos un percorrido por esta feira internacional e sacamos dúas conclusións fundamentais. A primeira é que o sector do autocar non quere perder o tren das novas tecnoloxías e, a segunda, que a cor de moda neste sentor é o verde. Tanto polos combustibles, que cada vez son máis ecolóxicos, como polos acabados e os interiores, que cada vez máis, tamén, imitan o natural. Sabela Romar. Kontrijk, Bélxica.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí