CRTVG

Buscar

A industria biotecnolóxica medra coa covid-19

Publicado o 03/11/2020 13:26

A industria biotecnolóxica está a medrar coas investigacións sobre a covid-19. PharmaMar tivo no que vai de ano 131 millóns de euros de beneficios, fronte ás perdas de 2019, mentres que Zendal busca traballadores para fabricar a vacina de Novavax.

A empresa de orixe viguesa PharmaMar rexistrou un beneficio neto nos nove primeiros meses deste ano de 131 millóns de euros, mentres que no mesmo período de 2019 tivo preto de 27 millóns de perdas. De xaneiro a outubro ingresou 222 millóns, o que multiplica por máis de tres os de 2019, cando, nas mesmas datas, facturou 62 millóns. A farmacéutica comercializa este ano, entre outros produtos, o test de diagnóstico do coronavirus e un potente antiviral que se usa no tratamento da covid-19.

Zendal, o grupo biofarmacéutico do Porriño, busca traballadores para envasar a vacina anticovid que a compañía estadounidense Novavax pretende ter lista cando rematen os ensaios clínicos. A filial Biofabri será a encargada de producir a vacina para Europa e precisa persoal especializado. A empresa convocou 35 prazas para técnicos nas áreas de bioloxía, químicas, farmacia e análises clínicas. A convocatoria está publicada na empresa de traballo temporal Nortempo.

Noticias web

03/11/2020