CRTVG

Buscar

A India confina os seus 1.300 millóns de habitantes para frear o coronavirus

Publicado o 24/03/2020 17:44

Os case 1.300 millóns de habitantes da India estarán, desde as doce da noite deste martes e durante 21 días, baixo un "completo confinamento" para facer fronte á pandemia do coronavirus, que ata a data suma no país 482 contaxiados e 9 falecidos, anunciou o Goberno indio.

"Desde as doce da noite de hoxe (este martes -18.30 GMT-) todo o país estará baixo un completo confinamento. Para salvar A India e cada indio, estará totalmente prohibido aventurarse fóra de casa", afirmou o primeiro ministro indio, Narendra Modi, no seu segundo discurso televisado á nación pola crise do coronavirus en menos dunha semana.

"Este é un paso esencial nesta decisiva batalla contra a pandemia do coronavirus", continuou, e explicou que "para os expertos en saúde, un mínimo de 21 días é crucial para romper o ciclo de infección" da enfermidade.

"Se non somos capaces de enfrontar esta pandemia nos próximos 21 días, o país e a túa familia sufrirá un retroceso de 21 anos", salientou o primeiro ministro para convencer os cidadáns de que respecten o confinamento, tras dous días en que, a pesar de que a medida xa era aplicada en varios estados e as principais cidades, moita xente continuou saíndo á rúa. "Non hai outra maneira de permanecer a salvo do coronavirus", insistiu.