A incidencia sobe en España por primeira vez en dous meses (só tres décimas)

A incidencia notificada da covid en España mantense igual á xornada anterior, cun leve incremento de 3 décimas, de forma que pasa de 40,5 a 40,8 casos, polo que é o primeiro día en algo máis de dous meses en que sobe, aínda que lixeiramente.
Ese aumento dos contaxios produciuse nas últimas 24 horas en seis comunidades e a cidade autónoma de Ceuta, e foi máis acusado, de case dous puntos, en Cataluña e o País Vasco. Ademais, a incidencia subiu en Andalucía, Asturias, Baleares e a Comunidade Valenciana, segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade.
A transmisión do coronavirus comezou a baixar o 28 de xullo, cando estaba en 696,3 casos, e desde entón mantivo unha tendencia descendente cada día ata este venres, cando comeza unha fin de semana con practicamente todas as restricións levantadas en todo o territorio.
Cataluña estrea a fin das limitacións nas ocupacións en hostalería e eventos culturais, que outras comunidades como Madrid, Castela-A Mancha, Baleares ou Andalucía tamén foron progresivamente aprobando nas últimas semanas. En calquera caso, once dos territorios seguen en risco baixo. Asturias (17,8) e Galicia (14,9) seguen en nova normalidade.
Respecto dos falecidos, notificáronse 57 mortes, 9 máis que onte. A ocupación de camas UCI atópase no 4,8 % e baixa unha décima no último día, de forma que hai 454 enfermos de covid. O total de hospitalizados en planta e unidades de coidados intensivos en toda España ascende a 1.854.