CRTVG

Buscar

A incidencia en España baixa por primeira vez de 500 desde xullo

Publicado o 12/08/2021 19:14

• Nas últimas 24 horas notificáronse 17.410 novos casos e 87 falecementos

• Redúcese a presión asistencial tanto en planta como en coidados intensivos

A incidencia en España baixa por primeira vez de 500 desde xullo
AXENCIAS

A incidencia acumulada baixou 20,3 puntos nas últimas 24 horas e cae por baixo dos 500 casos en 14 días (483,1) por primeira vez desde o 14 de xullo. Tamén volve reducirse a presión asistencial, que na UCI é do 20,7 % (tres décimas menos que onte) e en planta do 8 % (tamén inferior en tres décimas).

As comunidades autónomas notificaron este xoves ao Ministerio de Sanidade 17.410 novos casos de covid-19, 8.554 deles diagnosticados nas últimas 24 horas. Estas cifras son inferiores ás do mesmo día da semana pasada, cando se notificaron 21.387 positivos, o que indica unha tendencia á baixa na evolución da pandemia.   

A cifra total de contaxios en España elévase xa a 4.677.883 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais. A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 483,12, fronte a 503,42 onte. Nas pasadas dúas semanas rexistrouse un total de 229.242 positivos.   

No informe deste xoves engadíronse 87 falecementos, mesma cifra que o xoves pasado. Ata 82.407 persoas con proba diagnóstica positiva faleceron desde que o virus chegou a España, de acordo con os datos recolleitos polo Ministerio. Na última semana faleceron 314 persoas con diagnóstico de Covid-19 positivo confirmado en España. 

Actualmente, hai 9.478 pacientes ingresados por covid-19 en toda España (9.820 onte) e 1.921 en UCI (1.947 onte). Nas últimas 24 horas, producíronse 1.026 ingresos (1.167 onte) e 1.205 altas (1.348 onte). A taxa de ocupación de camas ocupadas por coronavirus sitúase no 8,06 por cento (8,34 % onte) e na UCI no 20,79 por cento (21,06 % onte).   

Entre o 2 e o 8 de agosto, as comunidades autónomas realizaron 1.012.848 probas diagnósticas, das cales 659.601 foron PCR e 353.247 test de antíxenos, cunha taxa global por 100.000 habitantes de 2.153,79. A taxa total de positividade sitúase no 13,57 por cento, fronte ao 13,72 por cento de onte.

O 90 % da poboación española maior de 40 anos xa está vacinada coa pauta completa, segundo os datos que fixo públicos esta tarde o Ministerio de Sanidade.

Noticias web

12/08/2021