A incidencia do coronavirus baixa en Pontevedra durante o Nadal
Hai 7 días Pontevedra tiña 160 casos por cada cen mil habitantes, hoxe ten 142. A cifra aínda é alta, pero advirte un lixeiro cambio de tendencia que se celebra na rúa.
"Alégrome moito porque a verdade levabamos unha temporada... que isto ía de mal en peor". "Claro que é moi boa nova". "Mellor, pero creo que temos que ser aínda un pouco máis responsables", comentan na rúa.
Había un certo temor ao Nadal, pero en xeral a evolución dos contaxios está sendo positiva nos concellos que forman parte desta área sanitaria.
"A comarca de Pontevedra está evolucionando razonablemente ben. A do Morrazo que a nós nos toca con Marín e Bueu tamén a evolución está sendo razonablemente boa", explica José Ramón Gómez, xerente da área sanitaria Pontevedra-O Salnés.
No Salnés a situación é un pouco máis variable. "Temos concellos, como por exemplo o de Ribadumia que xa acadou o cero por cen, é dicir, non ten casos", porén, sinala o xerente, "temos Meaño, que é un concello pequeno cun número de casos que lle fai ter unha incidencia un pouco alta". Unhas circunstancias semellantes tamén atopamos na Illa, Cambados e O Grove.
Pontevedra, que leva pechada dende o 30 de outubro, achega os seus datos a outras cidades que xa non teñen peche perimetral. Os últimos datos do Sergas sinalan que hai 128 casos activos na cidade, o que dá unha incidencia acumulada próxima ao 154 casos por cada 100.000 habitantes.