CRTVG

Buscar

O Ministerio de Sanidade vencella a repunta de casos coa relaxación das medidas

Publicado o 17/12/2020 19:00

• Notifica este xoves 12.131 novos contaxios e 181 mortes

A incidencia acumulada do coronavirus segue á alza en España ata alcanzar os 207 casos por cada 100.000 habitantes e o Ministerio de Sanidade espera que siga aumentando nos próximos días, tras notificar este xoves 12.131 novos contaxios e 181 mortes.

Así, o total de infeccións en España sobe ata os 1.785.421 casos, e as mortes ata as 48.777, 789 nos últimos 7 días. O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, sinalou que se espera que a incidencia siga aumentando e asegurou que a"repunta" ou "cambio de tendencia" prodúcese a partir do 9 de decembro e "é moi posible" que se relacione coa relaxación de medidas.

Segundo os datos notificados a Sanidade polas comunidades autónomas, a presión hospitalaria en toda España pola covid mantense estable no 9,21 %, con 11.336 hospitalizados, e un 20,44 % das camas UCI está ocupada por enfermos de coronavirus, con 1.955 pacientes.

Estes datos non incorporarían aínda o efecto da ponte da Constitución, segundo Simón, que sinalou que esta "non é unha boa evolución".