CRTVG

Buscar

A incidencia continúa o seu descenso en España e sitúase nos 41.4 casos

Publicado o 13/10/2021 18:45

• Sanidade avala combinar as vacinas de gripe e covid−19 en distintos brazos

 

AXENCIAS

O Ministerio de Sanidade rexistrou este mércores, con datos achegados polas comunidades autónomas desde o luns, 2.758 novos casos de coronavirus, dos que 451 foron diagnosticados nas últimas 24 horas, fronte aos 308 rexistrados o luns, o cal eleva a 4.980.206 a cifra total de persoas contaxiadas de covid−19 desde o inicio da pandemia.   

Respecto da incidencia media actual de contaxios en España nos últimos 14 días, o informe mostra que segue reducíndose; sitúase nos 41,45 casos por cada 100.000 habitantes, en comparación cos 46,08 notificado o luns polo departamento dirixido por Carolina Darias.   

A ministra de Sanidade Carolina Darias confirmou que se mantén a tendencia descendente da epidemia de covid−19 das últimas once semanas, aínda que "a velocidade de descenso foise suavizando". Así o dixo Darias este mércores en conferencia de prensa ao rematar a reunión do Consello Interterritorial de Saúde, na que explicou que a transmisión é inferior nun 14 % respecto da de hai oito días, fronte ao descenso de máis do 20 % de semanas previas.

Canto aos falecidos por covid−19, notificáronse 42. Na última semana rexistráronse 80. Isto fai que a cifra global de mortos por coronavirus en España se eleve ás 86.869 persoas. "A gravidade desta vaga foi moi inferior a outras anteriores", con "case tres veces menos de enfermos de covid−19 en UCI e dez veces menos falecidos", asegurou a responsable de Sanidade.  

Actualmente hai 1.908 pacientes ingresados por covid−19 en toda España e 486 en UCI, aínda que nas últimas 24 horas se produciron 160 ingresos e 81 altas. A taxa de ocupación de camas por coronavirus sitúase no 1,57 por cento e nas UCI no 5,33 por cento.

Sanidade avala combinar as vacinas de gripe e covid−19 en distintos brazos

O Ministerio de Sanidade considera "absolutamente factible" picar o mesmo día pero en distintos brazos a vacina da gripe e a de Pfizer contra a covid−19 aos maiores de 70 anos, algo que as comunidades autónomas poderán empezar a facer a partir do próximo 25 de outubro.

Fontes de Sanidade lembran que por agora o reforzo a maiores de 70 é só de Pfizer, que é a única marca sobre a que se pronunciou a Axencia Europea do Medicamento (EMA) ata a data, aínda que se espera que faga o propio sobre a de Moderna en breve.

Tras o dobre ditame da EMA, varias comunidades, encabezadas por Castela-A Mancha e Andalucía —que mañá iniciará a campaña da gripe— insistiron en mesturar os dous fármacos nos maiores de 65, aínda que finalmente a Comisión de Saúde Pública puxo o corte nos 70."É absolutamente factible a combinación da vacinación da covid−19 coa vacinación da gripe especialmente no colectivo de maiores de 70 anos a partir do 25 de outubro, que foi a data que acordou a Comisión de Saúde Pública", dixo a ministra de Sanidade antes de precisar que se pode inocular en distintos brazos".

Darias deslizou que aos poucos se irán incorporando novos grupos destinatarios dunha dose extra, seguindo a mesma metodoloxía que se veu aplicando na estratexia de vacinación, que priorizou os máis vulnerables para proseguir gradualmente en función da idade e culminar cos máis novos. "Está nun proceso de revisión continua por parte do relatorio de vacinas e da Comisión de Saúde Pública", engadiu.

 O mesmo ocorrerá coa dose adicional de Janssen ou doutros colectivos como os sanitarios, que foron os primeiros en vacinarse xunto cos maiores de residencias: "Temos que abordar os temas segundo van vindo. Ten que haber unha autorización previa e paralelamente teremos que escoitar a proposta que nos faga o relatorio de vacinas", destacou a responsable de Sanidade.

 

Noticias web

13/10/2021