CRTVG

Buscar

Máis de 29.400 mortes producíronse nas residencias de maiores no que vai de pandemia en España

Publicado o 02/03/2021 18:54

• O Ministerio notifica 74.347 contaxios menos tras eliminar Cataluña casos duplicados

Máis de 29.400 mortes producíronse nas residencias de maiores no que vai de pandemia en España

As comunidades autónomas notificaron este martes ao Ministerio de Sanidade 2.662 novos casos de COVID-19 nas últimas 24 horas. A cifra total de contaxios en España elévase a 3.130.184 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais.   

Con todo, os datos totais son inferiores aos de onte (3.204.531, unha diferenza de 74.347), xa que Cataluña "eliminou casos duplicados", segundo explica o Ministerio. "Estes duplicados xeráronse ao actualizar a información de casos xa rexistrados no sistema informático cun código de identificación diferente ao asignado orixinalmente. Procedeuse a corrixir as series de datos", detalla o Ministerio.

A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 168, fronte a 175 onte. Nas pasadas dúas semanas rexistrouse un total de 79.209 positivos.   

No informe deste martes engadíronse 192 novos falecementos, en comparación con 443 o martes pasado. Ata 69.801 persoas con proba diagnóstica positiva faleceron desde que o virus chegou a España, de acordo cos datos recollidos polo ministerio. Na última semana faleceron 686 persoas con diagnóstico de COVID-19 positivo confirmado en España.   

Actualmente, hai 11.246 pacientes ingresados por COVID-19 en toda España (11.754 onte) e 2.796 en UCI (2.923 onte). Nas últimas 24 horas, producíronse 909 ingresos (764 onte) e 1.313 altas (570 onte).

A taxa de ocupación de camas por coronavirus sitúase no 8,94 por cento (9,36% onte) e nas UCI no 26,99 por cento (28,09% onte).   

Case 30.000 mortos nas residencias

E por primeira vez, o Goberno deu hoxe o dato oficial de persoas que faleceron en residencias de maiores desde o inicio da pandemia. Foron case 30.000 de marzo a febreiro; exactamente 29.408.

Segundo un informe cos datos agregados remitidos polas comunidades autónomas ao IMSERSO sobre a situación dos centros residenciais do seu territori, en 2020 faleceron en residencias de maiores un total de 16.281 persoas con Covid-19 confirmado, e outras 9.859 con síntomas compatibles. Ademais, desde que comezou o ano 2021 e ata o 21 de febreiro, faleceron por Covid-19 un total de 3.268 maiores en residencias, sendo a letalidade nestes centros do 18,7% en 2021 fronte ao 23,7% de 2020.