A incidencia acumulada supera os 2.000 casos en Guitiriz
O número de positivos continúa á alza e canda el ascende a incidencia acumulada, que supera xa a barreira dos 2.000 casos por cada 100.000 habitantes.
"É unha incidencia por riba de 2.000 e poucos concellos chegaron a esta incidencia. O 90 % da xente cumpre as normas, pero cun mínimo que non o faga facemos que isto non pare de aumentar nunca, e eu chamo á responsabilidade dos veciños", sinala a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira.
A preocupación esténdese entre os veciños da zona.
"Din que é impresionante o que subiu. En poucos días, ademais". "Home algo de preocupación hai". "Din que hai cento e algo de positivos e hai que andar con sentidiño".
Moitos sinalan que xa só saen o xusto e os que traballan cara ao público relatan que que a vila está cada vez máis deserta.
"Parece ser que os casos siguen aumentando e preocupación hai porque non hai un alma na rúa, está a cousa fea". "Retirouse moita xente, a sensación que teño eu é que estamos bastante confinados".
Máis de 500 persoas participaron hai uns días nun cribado na vila e os veciños apelan á participación nas probas e a responsabilidade individual de cada un.
"Temos que ir facendo as probas e facendo caso ao que nos din, porque senón se imos ao cribado e non facemos o que nos din non é nada".
Guitiriz é arestora o concello con maior incidencia acumulada de toda a provincia de Lugo.