CRTVG

Buscar

A incidencia acumulada continúa baixando en España e sitúase nos 129 casos

Publicado o 15/03/2021 18:33

• A variante británica ocupa un 53,3% en Galicia e o 90% nalgunhas comunidades

O Ministerio de Sanidade comunicou este luns un novo descenso da incidencia acumulada por cada cen mil habitantes, que se sitúa en 128,97, e confirma a retardación da baixada da terceira onda, nunha xornada con 1.122 novos contaxios e 166 mortes.

Segundo o último informe de Sanidade cos datos facilitados polas comunidades autónomas, a presión nas UCI é do 21,04 % de camas ocupadas, con 2.112 enfermos de coronavirus ingresados nelas, e o número total de hospitalizados pola enfermidade é de 8.682.

Desde o inicio da pandemia compútanse en España 3.195.062 casos e 72.424 mortes. 

A variante británica é a dominante en España

A variante británica do coronavirus segue expandíndose por España e supón xa o 90 % de casos nalgunhas comunidades, aínda que en Galicia é un 53,3 %, mentres continúan detectándose novos positivos doutras, como a californiana, que suma 25 positivos, ou a portuguesa, da que se confirmou o primeiro.

Así o recolle a última actualización do 'Informe sobre a situación epidemiolóxica da variante B.1.1.7 de SARS-CoV-2 e outras variantes de interese', que sinala que a británica, a principal variante que está baixo a lupa do Ministerio de Sanidade, xa está presente en todas as comunidades.

Pero tamén mantén como variantes de interese para a Saúde Pública (VOC) que máis lle preocupan a B.1.351 (a surafricana), da que se detectaron 55 casos e a P.1 (a brasileira), da que hai 15 contaxiados.

O Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias supervisa outras sete: a B.1.429 (californiana); a P.2 (Río de Janeiro); a B.1.525 (nixeriana) e a C.16 (portuguesa), das que España confirmou 25, 15, 6 e un caso, respectivamente.

A repercusión que poidan chegar a ter na saúde pública "aínda se descoñece", pero "a combinación de mutacións que presentan ou a súa expansión a nivel local en certas localizacións fan recomendable o seguimento da súa situación epidemiolóxica nestes momentos", sinala.

Esta última actualización tamén alude á B.1.526 (Nova York); a A.23.1 (orixinada en Uganda e detectada recentemente en Reino Unido, con escasos casos noutros países), e a VOC 202102/02, similar á británica, das que por agora non hai casos detectados en España.